CONVERXENCIAS PUNTO DE ENCONTRO CARREFOUR par Anton Costa Rico

CONVERXENCIAS PUNTO DE ENCONTRO CARREFOUR par Anton Costa Rico
III Bienal Internacional para a Nova Educación, Bruxelas 2022 Seguindo o camiño aberto en 2017 cando, por convocatoria de varios movementos de renovación educativa franceses, se celebrou na cidade de Poitiers a Iª Bienal, que continuou coa celebración da II Bienal na mesma cidade en 20191, recentemente tivo lugar a III Bienal Internacional da Nova Educación, na cidade de Bruxelas nos últimos días do pasado mes de outubro. Algo máis de 500 educadoras e educadores démonos alí cita: franceses e belgas como grupos dominantes, pero con presenza doutros procedentes, entre outros países, de Suiza, Italia, España (en número de cinco), Grecia, Bulgaria, Romanía, Hungría, Ucraína, Tunez, Alxeria, Marrocos, Togo, República do Congo, Seycheles, Benín, México e Canadá. Un amplo espazo de encontro e de confluencia arredor da construción nos días de hoxe da Nova Educación, con perspectivas de educación democrática, inclusiva, en loita contra as discriminacións e en defensa dos dereitos humanos, laica, promotora da cultura da paz, de resistencia contra a mercantilización neo-liberal e potenciadora dunha emancipación crítica, colectiva e solidaria mundialmente.

Un amplo conxunto de orientacións construido e reflexionado desde moi numerosas prácticas educativas e pedagóxicas, formado por un entretecido de valores éticos e políticos en conxunción con reflexións e conclusións propias do pensamento e da teorización pedagóxica, que reúne e conecta conclusións investigadoras e unha densa malla de prácticas educativas constantemente reflexionadas. A Nova Educación, asentada sobre o activismo didáctico, isto é, sobre técnicas pedagóxicas activas, co horizonte da procura da dignidade humana, dos dereitos infantís e dunha sociedade máis xusta e pacífica, conta cunha longa historia, que podería facer recordar o nome de Pestalozzi, o nacemento das

chamadas primeiras escolas novas de fins do século XIX e, en particular, a creación da Liga Internacional da Nova Educación, na cidade francesa de Calais en 1921, que baixo a coordinación de figuras prestixiosas como as de Ferrière, Montessori, Piaget, Decroly, Dewey, Beatrice Ensor, ou Claparède, puxo en marcha os Congresos da Nova Educación celebrados con regularidade até o comezo da II Guerra Mundial en distintos lugares da xeografía internacional.

Neste proceso, unha parte destacada deste movemento de ideas e de prácticas educativas de carácter internacional foi afirmando, sobre todo a partir do

Congreso celebrado en Niza en 1932, a relevancia dos procesos de educación compartidos e realizados en común, a loita polos dereitos da infancia, a procura da inclusión de todas as persoas, a necesaria construción de espazos comúns radicalmente democráticos e a perspectiva da emancipación crítica
e solidaria, tendo presente a estes efectos a dimensión política da educación e das escolas, así como a centralidade das institucións públicas de educación. Esta orientación, onde destacan as figuras de Célestin e de Élise Freinet, de Petersen e de Pierre Bovet, foi a que logo da II Guerra Mundial propiciarían, entre outros, Henri Wallon, Paul Languevin, Gaston Mialaret, ou Robert Gloton, mediante impulsos que chegan aos pasados años 70, acollendo canda así importantes referencias do pensamento psico-pedagóxico e sociolóxico como as de Wigotski, Bruner, Bachelard, Bourdieu ou Leontiev.

Neste tempo máis recente, este proxecto socio-educativo de Educación Nova, que toma en conta os antecedentes sinalados, veu sendo impulsado, en particular, polas seguintes instancias: o Institut Cooperativ de l ́Ecole Moderne (ICEM)- Pédagogie Freinet, creado en 1947, que se ramificará mediante a creación en 1957 da Federación Internacional de Movementos da Escola Moderna (FIMEM), con seus encontros bienais (as RIDEF), e con presenza nunha trintena de países, desde o
Brasil e Mexico até o Senegal, Xapón, Italia ou Polonia, con congresos, encontros e publicacións de orde diversa, entre elas as revistas Le Nouvel Educateur e CreAtions; a Federación Internacional de Centros de Formación en Métodos de Educación Activa (FICEMÉA, creada en 1954), impulsada polos
CEMÉA como iniciativa de educación popular, democrática e laica nada en 1936 e que como Federación Internacional está composta por 40 asociacións de África, o Océano Índico, Europa, Sudamérica e as Caraibas, con diversidade de publicacións e actividades, entre elas a revista Vers l ́Educaction Nouvelle; o Groupe Français d’Éducation Nouvelle (GFEN) creado en 1929 (con antecedentes desde 1921, arredor de figuras como as de Cousinet e de Profit), co seu lema Tous capables!!(Todas as persoas son capaces de aprender, crecer e emanciparse), como proclama e reivindicación anti-discriminativa das capacidades educativas de todos, que edita a revista Dialogue e que desde 2001 impulsou un proceso de refundación da Liga Internacional para a Nova Educación, o Lien International d’Éducation Nouvelle (LIEN), con presenza en diversos países; os Cercles de Recherche et d ́Action Pédagogique (CRAP), creados nos años cincuenta e que desde aquela impulsan
a revista Cahiers Pédagogiques; o Office Central de la Coopération à l’Ecole (OCCE), creado en 1928 e que desde 1948 existe como movemento pedagóxico extendido por toda Francia, sendo editor da revista Animation&Éducation; e por algúns outros Grupos, plataformas e publicacions periódicas, como pode ser o caso de N autre école e das Editions Libertalia. Forman parte, así, deste impulso o conxunto dos Movementos de Renovación Pedagóxica existentes no Estado español, o que en Galicia inclúe a Nova Escola Galega, en particular.

A historia política e social da Nova Educación ten, pois, un carácter internacional. Esta necesidade de intercambio e de debate en común é a que contribuiu á recente creación do movemento aglutinador internacional «Converxencia(s) pola Nova Educación», tamén coa celular participación de Nova Escola Galega, a través da FIMEM. Converxencia(s), como plataforma, vén de organizar esta terceira Bienal, tendo presente a complementariedade das diferentes escalas deacción educativa (local, estatal e internacional) na procura de poñer a educación nova e activa no centro dun espazo colectivo de reflexión, de intercambio de experiencias, e de elaboración. No contexto dos tres días de diálogo e de intercambio da III Bienal, as os inscritos tivemos ocasión de realizar a nosa escolla para participar nalgún dos máis de sesenta obradoiros e nalgún dos
20 debates, que se ofreceron a escolla con antelación a toda as persoas inscritas, logo dun proceso de información e de planificación sostido a través da convocatoria e dos medios dixitais. Ademais,
como espazo de encontro tiveron lugar tres conferencias xerais, a última delas impartida polo profesor Philippe Meirieu co título «1921-2022: De la LIEN à Convergence(s). Un autre contexte, une même détermination…Des valeurs comunes, une lucidité accrue»; debendo, igualmente, sinalar os momentos de convivencia arredor das comidas colectivas, os encontros nos corredores e espazos
exteriores e a existencia de puntos de libraría de pedagoxía e de exposicións de traballos de aula. Os debates, que procuraban presentar situación prácticas, para propiciar mediante os interrogantes e a deliberación procesos de pensamento crítico e complexo, atenderon asuntos como os seguintes: enfrentarse ao fracaso escolar, inclusión e diversidade, familias e escolas, dereitos da infancia, a * emerxencia climática e os educadores, a relación entre a investigación educativa e os movementos pedagóxicos, inmigración e infancia, emancipación e democracia cultural, igualdade de xéneros, resistencia e emancipación, comprender os problemas socio-políticos ou a cultura científica nas aulas.

Pola súa parte, os obradoiros, preocupados por articular o coñecemento coa creación e a imaxinación, abordaron múltiples temáticas. Entre elas: inclusión e

familias desarraigadas, saberes na escola e mercados de coñecemento, educación
emocional, o corpo na escola, participación do alumnado na xestión democrática, taller de escritura multiplingüe, educación teatral, experiencias de emancipación en escolas de Bruselas, voluntariado e inclusión social, talleres de filosofía para nenos, método natural e matemáticas, violencias na escola, autores e aprendizaxe infantil, aprender fóra da escola, proxecto socio-artístico e territorio, escritura
cooperativa, biodiversidade e educación ambiental, estereotipos sexuais e educación, a natureza como contexto de aprendizaxe, o portfolio como recurso para a avaliación, acollemento escolar de nenos e nenas en risco social, feminismo e Nova Educación, loita contra as discriminacións raciais, experiencias escolares no contexto rural marroquí, talleres de interrogación colectiva…
Por fin, respondendo a un traballo colectivo desenvolvido durante o curso 2021-2022, o momento final da Bienal serviu para dar aprobación ao Manifesto: «Le monde que nous voulons. Les valeurs que nous défendons», articulado arredor de dez asuntos:
1. A Educación Nova comporta un proxecto de emancipación e democratización.
2. A Nova Educación é decididamente positiva.
3. A Educación Nova promove unha visión emancipadora dos saberes.
4. A Educación Nova propón, debate e inventa no seo de colectivos solidarios.
5. A Educación Nova non se detén en ningunha frontera.
6. A Educación Nova esfórzase por conxugar o dicir e o facer.
7. A Educación Nova contempla a cada neno, a cada mozo, como un ser á vez inconcluso e completo.
8. A Educación Nova avoga por unha escola aberta e democrática. 9. A Educación Nova comprométese a aplicar unha visión global da educación.
10. A Educación Nova afronta os desafíos do século XXI.

Un Manifesto aprobado como sostén dun proxecto político e educativo compartido; a base común entre todas as organización mobilizadas no seo de Converxencia(s), mais tamén para todas as que desexen unirse a esta ampla dinámica internacional. É necesario hoxe facer unha alianza, unha suma
de complicidades lúcidas e críticas, e mobilizar as organizacións de todos os países, que actúan segundo os mismos principios e valores, ante os retos educativos que vivimos a escala internacional e para facer avanzar a nova educación, para a transformación social en contra de todas as formas de
pobreza, de inxustiza e de discriminación social.